viernes, 14 de marzo de 2008

Tres municipios de Ourense descobren que o Catastro cambiou os seus límites

Esgos, Xunqueira e Paderne acordaron reclamar a volta aos lindes de 1926

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) modificou os límites entre Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Paderne de Allariz hai xa oito anos pero, ata fai uns días, ningún dos seus tres alcaldes o soubo. Só un veciño, en todo este tempo, se decatou ao consultar o catastro. Unha leira súa que antes estaba en Esgos caía agora, en parte, no Concello de Paderne. O veciño foi falar co seu alcalde, Manuel Blanco, porque non sabía onde tiña que pagar os impostos daqueles metros cadrados. E o rexedor popular quedou estupefacto.

Pasou o tempo, e o voceiro do BNG no mesmo concello, Manuel Penedo, denunciou nun pleno recente que o municipio, "ante a pasividade do alcalde", se estaba a volver "cada vez máis pequeno". Foi entón cando Manuel Blanco se puxo en contacto cos alcaldes de Paderne, Xosé Manuel Fernández, e Xunqueira, Ricardo González Lage, tamén ambos os dous do PP, e comprobaron os planos do catastro e todos estiveron de acordo en devolver os límites ao lugar onde estaban en 1926, seguindo as liñas que pintaban, e seguen pintando, a orografía e os regatos.

Consultados os mapas do IGN, os tres alcaldes coinciden ao defender que os seus municipios, co cambio, non perderon superficie. "Esgos non só gañou cinco casas, senón que segue medindo 37,8 quilómetros cadrados", asegura Branco. Case o mesmo que Paderne (38,9) e algo máis que Xunqueira (27,6).

Pero hai veciños aos que non lles preocupa se os seus concellos se expanden ou aos que minguan. A eles o que lles importa é que o linde se desprazara porque viven ao bordo de dous termos municipais. As aldeas nas que a liña cambiou son as de Riodebodas e Pardeconde. Na primeira, hai unha serie de parcelas agrícolas de Esgos que, por unha cuestión de tres metros, teñen agora terra en Paderne. E na segunda, por un desprazamento de 80 metros na liña (que imaxinaban polo río e agora se arrima á estrada), ademais de numerosos terreos cambian de municipio cinco casas. Se antes os seus moradores eran veciños de Xunqueira de Espadañedo, agora pertencen a Esgos.

"As modificacións, globalmente, son insignificantes", insiste o alcalde de Esgos, "pero aquí hai moito localismo. Moita rivalidade entre a veciñanza dos municipios. Por iso tranquilizamos a xente e xa nos puxemos a arranxalo". Blanco non comprende por que se produciu este cambio: "Aquí ninguén o entende. Ninguén nos avisou e un día vas e descóbrelo... Máis ou menos todos temos unha idea de como funciona o catastro. Alí as cousas non están como é debido".

Non obstante, dende o Ministerio de Economía e Facenda, como voceiro do catastro, se asegura que "a última actualización rústica de Esgos, Xunqueira e Paderne a fixo o IGN entre 1999 e 2000", e que este segundo ano "se"expuxeron os planos, durante 15 días, nos tres concellos sen que ninguén presentase alegacións". Ademais, a última revisión do valor catastral, onde se actualizaron as cargas fiscais ás propiedades, realizouse tamén simultaneamente en 1985 e, segundo o ministerio, págase o mesmo nos tres concellos, polo que "non os tería que afectar o cambio de municipio".

De momento, tal e como explica o alcalde de Xunqueira, os veciños prexudicados polo salto de concello en Pardeconde están exentos dalgúns pagamentos. "A Deputación de Ourense, que no caso dos nosos concellos é o organismo que se encarga de xestionar o cobramento do Imposto de Bens Inmobles (IBI), xa está avisada de que non pode cobrarlles a estes propietarios, e os propietarios tamén están advertidos de non aboar ningún recibo que lles chegue... Aínda que, cando isto se resolva, terán que pagar o atrasado".

Un lio de 6.000 euros

Os alcaldes, que acusan ao BNG de crear unha polémica "electoralista" por levar a cuestión dos lindes ao pleno de Esgos, lamentan que esta lea lles vaia supoñer "tempo, diñeiro e moito papelame". O rexedor de Xunqueira asegura que os traballos que encargaron para defender a volta ás fronteiras de 1926 lles van custar 6.000 euros a estes municipios. De momento, xa mantiveron conversacións co Instituto Xeográfico e coa Xerencia Territorial do Catastro en Ourense, unha oficina que, segundo se indica dende o ministerio, non é responsable das modificacións, senón que acata os cambios que decide o IGN.

Os alcaldes aférranse á acta de deslinde que aprobou este organismo en 1926 e aspiran a que antes de que remate o ano o IGN dea o visto bo a unha nova acta 2008 que será a que mande. Aínda que pode acontecer que o instituto non lles dea a razón e sosteña o que hai oito anos, cando o seu persoal mediu sobre o terreo e elaborou eses mapas dixitais que colgaron do taboleiro de anuncios medio mes.

Fontes do ministerio aseguran que para cambiar os límites non hai que gastar. "É algo que se fai de oficio", din, "basta con que aproben unha resolución nos plenos e que lla/llela notifiquen á Xunta, para que dea luz verde e a publique no diario oficial". (Noticia publicada no diario "el País")

O PXOM de Paderne de Allariz (Publicado en El Correo Gallego 03/03/2008)

... o criterio do PXOM de Paderne de Allariz, que atribúe unha superficie de 370 metros cadrados para a construción de cada vivenda, unha cifra que vén practicamente a dobrar a considerada na xeneralidade dos plans e que pon de relevo os contrastes nos criterios de desenvolvemento sostible.

O exceso da oferta de vivenda nun 43% que xeraría o plan remitido polo Concello de Paderne de Allariz (Ourense) obrigou Política Territorial a non outorgar a aprobación definitiva.

No hay comentarios:

Slider