domingo, 25 de septiembre de 2011

Tempo de vendimia


Amence a primeira maña do outono e algo distinto se percibe no ambiente do pobo. Hoxe síntese un maior rebulir de persoas que rompen o silencio cotiá.

Comeza a sentirse o bulir duns e doutros, escoitase o primeiro ruído dos “carros”, que hoxe en día foron substituídos polos tractores, cestos para arriba e para abaixo, tesoiras e coitelos preparados, e como non as cubas e as tinas para botar a esmagar o viño xa se atopan a punto.

Comeza a saír o sol, e toda a xente se vai repartindo e “camuflándose” entre os regos das viñas.
¿Separamos o tinto? ¿So collemos o branco? ¿Vai todo xunto? A mesmas preguntas que veñen xa de antano, e que parece que so os “grandes capataces” son os axeitados para darlle resposta, marcan o inicio da recolleita.

A partir destes intres empeza o movemento de cestas cargadas de uvas recen cortadas, o traslado das mesmas a bodega, o ruxe ruxe da xente mentres traballa, que lle da vida unha vez máis a estas terras…
Máis tarde comeza o traballo na bodega, onde se pon en marcha o proceso de elaboración do viño, comezando co pisado das uvas, automatizado coma outros moitos procesos, cunha estruxadora  eléctrica, para pasalo posteriormente as tinas onde se realizará o fermentado do viño.

Hoxe foi un día para lembrar aquela xuntanzas de veciños que se facían hai uns anos, onde para calquera traballo de labranza se xuntaban trinta ou corenta persoas e arrimaban o ombreiro para axudarse uns a outros, onde se facían quendas para ver a quen lle tocaba coller as uvas, para non coincidir e poder axudar todos, onde tódolos traballos ían acompañados da súa parte de festa e alegría.

Hoxe na Torre vivimos a vendimia…

No hay comentarios:

Slider